Escoitar o audio

A iniciativa do Grupo Común da Esquerda propuña instar a Xunta a cumprir os prazos establecidos por Lei

Santiago, 15 de xaneiro de 2020-. Esta mañá Antón Sánchez defendeu na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento unha iniciativa que propuña instar a Xunta de Galicia a dar carpetazo definitivo ao proxecto da Mina de Touro – O Pino presentado en 2017 e actualizado en febreiro de 2019 de xeito non satisfactorio para a corrección das eivas ambientais e os riscos detectados por Augas de Galicia e a Dirección Xeral de Patrimonio Natural. A iniciativa foi rexeitada cos votos en contra do Partido Popular e a abstención do PSOE.

O proxecto de reapertura da mina de cobre foi presentado hai xa tres anos pola empresa Cobres San Rafael, e recibiu contestacións e informes internos por parte da Xunta, nomeadamente Augas de Galicia e a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no que se apuntaba a un risco elevado para o medio ambiente e as persoas que non se vía correspondido nas medidas de seguranza propostas pola empresa. A achega de nova documentación por parte da empresa produciuse en febreiro do pasado ano, mais esta documentación non resolvía os problemas detectados. En base á Lei, cando nestes casos se require unha documentación específica e non se achega de forma correcta ou satisfactoria, deben concederse dez días hábiles para corrixila e, no caso de non facelo, a Administración tería que decretar a caducidade do procedemento. “Por que non dan carpetazo ao proxecto? Por que incumpren os prazos e trámites e porfían en darlle a esta empresa a oportunidade de demostrar o indemostrable?”, preguntou Antón Sánchez.

“Se o proxecto non reúne a calidade suficiente ou non é viable ambientalmente, como se decretou por dúas veces, tanto en 2019 como en 2017, tanto no primeiro proxecto como na rectificación, a Xunta debe resolver. Están todas as cartas enriba da mesa”, insistiu Antón Sánchez. “O proxecto é inviable, aberrante e perigoso para as persoas, xa que suporía, entre outras cousas, a colocación de dúas balsas que quedarían a uns 200 metros de núcleos de poboación. A Xunta ten que actuar e cumprir a lei e non seguir tolerando a contaminación mediante a eternización ilegal deste proxecto”, engadiu.

O deputado do Grupo Común da Esquerda tamén lembrou que o proceder da Xunta coa Mina de Touro “non é un caso illado”, xa que se ten replicado noutras explotacións, como a Mina de Monte Neme. “Hai menos dun mes publicouse no DOG que a Xunta se ten que facer cargo de xeito subsidiario da restauración da Mina de Monte Neme, algo que non por ser esperado é menos grave. Isto tíñao que ter feito a empresa que percibiu as axudas públicas de 500.000 euros, pero vostedes permiten que as súas empresas amigas non cumpran coas súas obrigas. Así temos o modelo de privatización de beneficios e socialización de perdas, porque ademais dos cartos públicos percibidos, esta empresa da familia Cotino, implicada na Gürtel, tamén se aforra os 794.000 euros do plan de restauración que agora vai desembolsar a Xunta”, criticou.