Escoita o audio

Eva Solla defendeu a proposta, que implicaba a elaboración dun mapa, a retirada dos edificios públicos e un estudo para conceder axudas a particulares.

Os votos en contra do Partido Popular impediron sacar adiante este xoves unha iniciativa do Grupo Común da Esquerda para actuar contra a presenza do amianto en Galicia. A proposta, defendida pola deputada Eva Solla na Comisión de Sanidade, implicaba a elaboración dun mapa sobre a presenza deste elemento, a planificación para a súa retirada dos edificios públicos e o estudo da posta en marcha dunha liña de axudas para a retirada en vivendas particulares. 

“A saúde medioambiental e pública están en risco pola presenza do amianto como illante e outros usos. É un canceríxeno tipo 1, ten unha vida longa e non produce efectos ata pasados entre 10 e 40 anos. Non se nota ata que existe un efecto sobre a sáude. Polo tanto, precisa dunha prevención e dunha retirada controlada en todos os ámbitos”, destacou a deputada, que ademais lembrou que a pesar de que existe unha resolución do Parlamento Europeo de 2013 para instar aos estados membros á súa retirdada, e de que a Xunta regulou no 2018 as condicións da mesma, “non temos un mapeo en Galicia da situación na que está nas diferentes infraestruturas públicas e privadas”. Para acometer este labor, é necesaria “a colaboración das administracións locais e dos particulares, xa que está presente en moitos puntos e non podemos facer unha foto fixa. Ten que ser dinámico porque pode seguir aparecendo”, engadiu Solla.

A deputada tamén advertiu que “os expertos en saúde pública entendían que era perigoso cando rompía, pero hoxe xa se sabe que coa súa degradación as fibras despréndense e pasan ao medio ambiente”. Así, indicou que “temos moitas infraestruturas públicas con amianto en tellados, como por exemplo no colexio de Cambre, onde os pais e nais pediron a súa retirada sen que a Xunta tomara ningunha medida. É necesario comezar unha planificación”. Con respecto a este caso concreto, incidiu en que “cando introducimos esta iniciativa, parece que a Xunta anunciou que vai retiralo deste centro”. Ante isto, Eva Solla destacou que “non se trata de facelo pola presión social, senón de planificar porque é un perigo para a saúde”.

No tocante ao estudo sobre a posta en marcha dunha liña de axudas públicas para retiralo de vivendas particulares, Solla resaltou que sería algo especialmente beneficioso para as familias con menos recursos. “A retirada pode ser difícil de asumir porque o gasto é elevado, ademais da substitución. A consecuencia é que moitas veces non se retira e segue presente, ou noutras ocasións tírase en vertedoiros ilegais”, apuntou.

Ao longo da súa intervención, Eva Solla tamén puxo exemplos doutras comunidades autónomas e concellos que están aprobando plans para a retirada do amianto, rexeitando que non se acometa por razóns económicas. “Non hai que agardar a última hora para retiralo porque existen xa normas que obrigan a facelo. Galicia ten competencias e ten que poñerse a traballar. Solicitar a outras administracións a súa participación non fai que a Xunta poida eludir as súas responsabilidades” arredor dunha medida que “sería moi beneficiosa para a saúde dos galegos e galegas”, concluíu.