Escoita o audio


Carmen Santos: “o que non se nomea, non existe” 

Santiago, 22 de xaneiro de 2020-. Esta mañá Carmen Santos presentou unha iniciativa na Comisión 1ª do Parlamento para a incorporación da linguaxe inclusiva nas comunicacións da Xunta, tanto internas como cara a cidadanía, tal e como recolle a normativa vixente. Malia estar xa recollida na Lei a necesidade do uso dunha linguaxe non sexista, o Partido Popular impediu a aprobación da iniciativa cos seus votos en contra. “Alén dos lazos violetas que empregan moitas veces os membros do Goberno galego e outros deputados populares, xa vemos cal é o compromiso real que existe pola súa parte”, criticou Santos.


A iniciativa do Grupo Común da Esquerda instaba a Xunta a un uso non sexista da linguaxe, empregando aquela linguaxe que substitúa á que invisibiliza o feminino, tanto nas comunicacións internas como cara a cidadanía. Estes cambios irían encamiñados a erradicar a linguaxe sexista da vida social, tamén mediante campañas de sensibilización públicas. Así mesmo, facía incidencia na relación da Administración cos medios de comunicación e na necesidade de regular e facer seguimento do uso da linguaxe inclusiva, nomeadamente na CRTVG. Finalmente, a iniciativa tamén incorporaba a proposta de establecer unha liña de subvencións para modificar a iconografía excluínte ou discriminatoria en empresas.

Santos incidiu en que en que “o que non se nomea, non existe” e en que o PP ao votar en contra se está a posicionar “claramente en contra da cidadanía, que xa leva tempo evidenciando que tipo de sociedade quere para Galicia, mobilizándose non só contra a violencia machista senón tamén contra as desigualdades en todos os ámbitos, tamén na lingua”. “Cando se nos obvia, estase eliminando da linguaxe ao 50% da poboación”, lembrou a deputada. “É certo que ás veces se fai de xeito involuntario, pero iso non exime de facer por ver esa violencia simbólica que hai contra as mulleres, xa que nesta mesma Cámara temos visto a varios deputados e ao mesmo vicepresidente da Xunta empregar o masculino como xenérico á hora de abordar temas de violencia machista ou nas que as afectadas son mulleres na súa gran maioría”, engadiu.

Finalmente, Santos criticou que o Partido Popular empregase argumentos “cuñados e machistas” para rexeitar a proposta, como o desprestixio cara a ministra de Igualdade ou a directora do Instituto da Muller, así como “escusas surrealistas” como as referencias a Venezuela ou ETA que son habituais no argumentario comodín do Partido Popular e “pouco teñen que ver coa linguaxe inclusiva”.