Luca Chao defendeu a necesidade de vincular as axudas públicas ao mantemento do emprego e a implicación da Xunta para buscar un inversor.

Os votos en contra do Partido Popular impediron este xoves sacar adiante unha Proposición Non de Lei do Grupo Común da Esquerda para que a Xunta adopte as medidas necesarias para o mantemento dos postos de traballo en EMESA. A voceira do Grupo, Luca Chao, defendeu a iniciativa na Comisión de Industria reclamando “un proxecto industrial serio e non que se volva regalar unha empresa galega a un fondo voitre para que xogue cos traballadores deste país”. Ademais, ante o rexeitamento do PP á proposta, criticou que “cando vostedes gobernan, temos máis precariedade e menos industria. A súa única política económica é o Xacobeo, pero o Xacobeo non dá para manter o emprego en EMESA nin na industria galega”, onde se destruíron 22.500 postos de traballo durante a década de goberno de Feijóo. 

Chao tamén lembrou que no último Pleno do Parlamento dirixiu unha pregunta ao conselleiro de Industria sobre esta cuestión, lamentando a súa actitude. “Aparte da calada por resposta, tivemos a calada da risa. Non sabemos que é o que lle parece gracioso desta situación”, xa que a empresa situada en Coirós conta con 84 traballadores e traballadoras que levan dende setembro sen cobrar e están a piques de entrar nun expediente de regulación de emprego temporal. Diante deste grave problema para o futuro da comarca, o único que respondeu o titular de Industria “foron promesas baleiras e vaguedades”. 

Entre as medidas defendidas pola voceira do Grupo Común da Esquerda e rexeitadas polo PP, figura a vinculación das axudas públicas a empresas ao mantemento dos postos de traballo, xa que EMESA recibiu “fondos millonarios do IGAPE que a Xunta debera ter vixiado, toda vez que eran para unha inversión na mellora da factoría que nunca se produciu”. Do mesmo xeito, tal como lle esixiu Chao ao conselleiro de Industria, na proposta reclámase que a Xunta busque activamente un inversor que garanta un proxecto industrial de futuro para a comarca que contemple o potencial da empresa como produtor eólico.

Este potencial está acreditado pola alta especialización das traballadoras e traballadores, cos que Chao se reuniu esta semana, ao longo de todo o proceso pordutivo, dende a enxeñería ata a entrega dos proxectos. No pasado chegou a dar emprego ata 300 persoas de forma directa, alén doutras tantas de xeito indirecto. A perda de postos de traballo xa se iniciou hai uns anos e “non se pode esquecer a responsabilidade do PP neste asunto. A empresa foi punteira hai quince anos en produccón eólica, pero chegoua o goberno o PP e paralizazou o desenvolvemento eólico en Galicia e no Estado. É de sobra coñecido o compromiso mediaombiental deste goberno, que só cre nas enerxías renovables a través do modelo do espolio”, concluíu Luca Chao.

Escoita o audio