Antón Sánchez inicide na necesidade de “desaloxar a mafia do Goberno” nas eleccións do 5A e apunta cara Feijóo como máximo responsable

Os informes desvelados onte pola Rede contra a Minería Destrutiva en Galicia ContraMINAcción demostran que, durante anos, o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, mentiu e falseou documentación coa finalidade de beneficiar á empresa mineira privada que actuaba en Lousame. Tras a publicación destas informacións, o Grupo Común da Esquerda esixe de novo a dimisión de Tahoces e apunta cara Feijóo como máximo responsable por non telo cesado aínda.

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas non só eliminou requisitos á empresa que operou nas Minas de San Finx coa chegada do PP ao Goberno, como a obrigatoriedade de facer unha Declaración de Impacto Ambiental, senón que tamén fixo pasar as presas de residuos mineiros por embalses hidroeléctricos que non terían nada que ver coa mina e tentou ocultar mediante documentos falsos a contaminación por metais pesados que se estaba a producir no Río San Fins, na Ría de Muros-Noia e no Esteiro do Tambre (Rede Natura). “O informe de ContraMINAcción é un exemplo máis de que o que hai na Consellería de Economía e Industria e na Dirección Xeral de Enerxía e Minas é un tinglado mafioso para beneficio de determinadas empresas e que saquea constantemente o público”, denunciou Antón Sánchez.


“O modelo que defende o señor Tahoces é sempre o mesmo: a privatización dos beneficios para os amigos e a socialización das perdas. Quere que as empresas leven as axudas públicas, extraian os recursos naturais e despois todos os galegos paguemos as súas desfeitas ambientais”, manifestou o voceiro do Grupo Común da Esquerda. Ao tentar facer pasar as balsas de residuos mineiros por embalses hidroeléctricos, Tahoces procurou exonerar a empresa de ter que asumir o control e restauración destas balsas, abandonadas con metais pesados e contaminantes. Deste xeito, foi despois a Administración pública a que tivo que acometer os investimentos necesarios para garantir a seguridade ambiental da zona. “O Goberno Feijóo funcionou á marxe das leis que eles mesmos aprobaron, e non tiveron dúbidas neste caso nin en moitos outros que xa coñecemos como Monte Neme, Touro-O Pino ou Varilongo, en mentir e actuar a favor da empresa, aínda que iso nos custase centos de miles de euros”, criticou Antón Sánchez.

O Grupo Común da Esquerda esixe de novo a dimisión ou o cese de Ángel Bernardo Tahoces, e considera que Feijóo é, a día de hoxe, o máximo responsable político desta situación por non telo cesado desde o comezo. “Feijóo lidera o tinglado mafioso que desde hai anos vén funcionando no seu Goberno, e por iso gañarlle ao Partido Popular nestas eleccións é unha cuestión de hixiene democrática, porque hai que desaloxar a mafia do Goberno”, finalizou Sánchez.

Audio con declaracións de Antón Sánchez