Xan Xove demanda nunha iniciativa parlamentaria a protección destes espazos, nos que foron identificados restos patrimoniais da antiga muralla defensiva da Coruña.

O Grupo Común da Esquerda vén de rexistrar unha iniciativa para reclamar á Xunta de Galicia que protexa mediante a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) as parcelas da Maestranza e do Campo da Estrada da Coruña, onde foron identificados restos patrimoniais da antiga muralla defensiva da Coruña. 

O deputado Xan Xove, autor da iniciativa, lembra que en maio de 2019, o Concello, naquela altura gobernado pola Marea Atlántica, solicitou oficialmente á Xunta de Galicia, achegando un completo informe arqueolóxico, que declarase (BIC) estes solares despois do importante achado. “Descoñecemos por que a estas alturas a Xunta aínda non incoou os expedientes necesarios para dar este paso e instámola a que o faga canto antes, xa que teñen a obriga de protexer o patrimonio cultural”, declarou Xove.

Na iniciativa incídese en que a protección do patrimonio arqueolóxico das murallas da Coruña é unha “reivindicación histórica da cidadanía, que nos últimos tempos foi respaldada en diversas ocasións polo acordo unánime de todos os grupos políticos da corporación municipal”. Desta maneira, dende o Grupo Común da Esquerda esíxese que a Xunta identifique, concrete e recoñeza como BIC estes terreos no menor prazo posible para outorgarlles a necesaria protección que deben ter.

Escoita o audio