Julia Torregrosa lamentou que as recomendacións do organismo teñan “un grao de cumprimento tan baixo” por parte das Administracións

Santiago, 31 de xaneiro de 2020-. Na comparecencia desta mañá do conselleiro maior do Consello de Contas no Parlamento, na que presentou a fiscalización da Conta Xeral de Galicia de 2017 e a Memoria anual de actividades de 2018, Julia Torregrosa lamentou que as recomendacións realizadas polo propio Consello tivesen “un grao de cumprimento tan baixo” por parte das Administracións destinatarias.  Reclamou, por este motivo, que o Consello de Contas teña competencias sancionadoras propias, alén das actuacións do Tribunal de Contas, para “evitar que as Administracións fiscalizadas sigan a facer caso omiso desas recomendacións”.

Das recomendacións elaboradas polo Consello, unha cuarta parte son directamente rexeitadas, e só un 3,9% aplicadas de xeito total. A deputada do Grupo Común da Esquerda afirmou que “o grao de incumprimento das recomendacións aumenta de xeito directamente proporcional ao número de recomendacións emitidas”. “O incremento da actividade fiscalizadora do Consello de Contas xoga na súa contra. Canto maior é a actividade do Consello, maior é o incumprimento das súas recomendacións por parte da Xunta de Galicia”, engadiu. Torregrosa salientou que o SERGAS é o caso “máis sangrante” nestes incumprimentos.

A deputada tamén lembrou que a Xunta non fai unha planificación orzamentaria “axeitada”, como a miúdo lle demandan os grupos da oposición desde o Parlamento e como tamén lle ten reclamado de xeito reiterado o propio Consello de Contas. “A Xunta ten que deixar de trasladar gasto propio dun exercicio á contabilidade do exercicio seguinte”, reclamou. Julia Torregrosa tamén fixo referencia á necesidade de adecuar os tempos de emisión e análise dos informes de fiscalización o máximo posible ao exercicio en vigor, cuestión que foi recoñecida e compartida posteriormente polo conselleiro maior. “Estamos a analizar os incumprimentos da Administración en 2017, cando seguramente aos cidadáns lles preocupará máis que centremos os nosos esforzos no seguimento da correcta execución dos Orzamentos en vigor, das contas do 2020”, argumentou.

Dado que os informes do Consello se centran habitualmente en cuestións técnicas e na legalidade das contas, Torregrosa tamén considerou importante reclamar ao conselleiro maior que estudase a posibilidade de realizar, alén do labor ordinario de fiscalización, “unha análise máis profunda das principais políticas públicas desde a óptica da súa eficacia na consecución dos obxectivos declarados e da eficiencia económica das mesmas”, para así entrar no fondo das cuestións e na utilidade e eficiencia reais das políticas da Xunta.

Entre os incumprimentos destacados por parte da deputada do Grupo Común da Esquerda atopábanse tamén os respectivos ao endebedamento autonómico, que se viu triplicado desde a chegada de Feijóo ao Goberno. “Se no informe de 2017 o Consello de Contas xa amosaba a súa preocupación  polas consecuencias que, sobre a solvencia da Xunta de Galicia a medio prazo, podía ter esta evolución exponencial do endebedamento, que non dirá cando traia a esta Cámara a fiscalización das contas de 2020, ano no que a débeda viva da Xunta de Galicia superará por primeira vez os 12.000 millóns de euros”, apuntou.

O uso abusivo das modificacións orzamentarias por parte do SERGAS e outros incumprimentos da Administración en materia de sanidade, o escaso grao de execución dos Fondos Comunitarios ou a baixa execución dos Fondos FEDER en I+D+i por parte da Xunta foron outras das cuestións que abordou a deputada do Grupo Común da Esquerda na súa intervención.

Escoita o audio aquí.