Antón Sánchez: “é posible que a solución que propuxera a Xunta para o estaleiro sexa parte dun entramado corrupto”

O Grupo Común da Esquerda vén de solicitar no Parlamento de Galicia, xunto aos demais grupos da oposición, a comparecencia de Feijóo na Deputación Permanente para dar explicacións sobre a compra de Barreras por parte de PEMEX.

Tras a detención de Emilio Lozoya, exdirector xeral da petroleira mexicana PEMEX, a pasada semana en Málaga, onte os medios de comunicación deron a coñecer que entre os casos polos que a Fiscalía mexicana está a investigar a Lozoya se atopa a compra do estaleiro vigués de Barreras, avalada pola Xunta. A posible implicación do Goberno galego neste caso de corrupción é o que motivou aos grupos da oposición no Parlamento de Galicia a pedir a comparecencia urxente de Núñez Feijóo na Deputación Permanente, o órgano que cumpre as funcións do Parlamento mentres este está disolto.

“A alianza estratéxica que prometera Feijóo para o naval galego, que suporía a creación de 2.500 postos de traballo, un grande aumento da carga de traballo con 20 barcos ou a base loxística do Porto Exterior da Coruña, quedou en nada: só dous floteis e todos os contratos prometidos sen materializar”, denunciou  esta tarde Antón Sánchez. “Aínda por riba deste fiasco, agora sabemos que a gran solución que presentaba Feijóo para o futuro de Barreras, o acordo con PEMEX, podería ser parte dun entramado corrupto que veremos ata onde chega. É urxente que o presidente da Xunta dea explicacións”, engadiu o voceiro.