Xan Xove reclama ademais a posta en marcha dun consorcio público para a xestión dos terreos portuarios e o inicio das obras da conexión ferroviaria a Punta Langosteira.

O deputado do Grupo Común da Esquerda, Xan Xove, esixiu este xoves que se cumpra o acordo unánime do Parlamento de Galicia de setembro do 2018 para a condonación da débeda do Porto Exterior da Coruña. Para lograr que se faga efectivo este acordo, o deputado vén de rexistrar esta semana na Cámara galega unha nova Proposición Non de Lei na que insiste na necesidade de que a Xunta inste o Goberno do Estado á condonación desta débeda, á posta en marcha dun consorcio público transversal para a xestión dos terreos portuarios e ao inicio das obras da conexión ferroviaria a Punta Langosteira.

En declaracións aos medios na cidade da Coruña, xunto ao voceiro do Grupo, Antón Sánchez, Xove afirmou que “o goberno de Feijóo non parece interesado en avanzar neste tipo de propostas, aínda que foran acordadas por unanimidade”. O deputado tamén sinalou que “foi a cidadanía da Coruña quen iniciou a batalla pola recuperación destes terreos e estamos radicalmente en contra de que a cidade da Coruña teña que vender a inmobiliarias o seu patrimonio para poder pagar unha débeda da que non é responsable”. 

Na iniciativa parlamentaria indícase que “sobre a Autoridade Portuaria da Coruña pesa unha elevada débeda que pon en perigo a súa viabilidade financeira futura e o futuro do borde litoral da cidade. Ninguén na cidade nin na corporación do Concello da Coruña pode defender xa a enaxenación privada dos terreos portuarios a desafectar ou daqueles que xa foron desafectados no 2000 e que teñen a condición de patrimoniais , procedentes de recheos gañados ao mar e da propia desaparición de praias urbanas. Enaxenacións que, por riba, tampouco darían solución á actual situación estrutural de débeda do porto da Coruña e ao reequilibro das contas”. 

Ademais, lémbrase que no caso do Porto de Valencia, o Estado condonou a débeda. Polo tanto, “suporía un agravio comparativo para Galicia, moito máis cando na Coruña a débeda con Portos do Estado tivo por obxecto a execución dunha obra de infraestrutura portuaria, o porto exterior de Punta Langosteira, declarado de interese xeral do Estado. A cidadanía coruñesa aposta moi maioritariamente por un futuro no que se recuperen os terreos do borde litoral e pasen a ter unha xestión pública que procure o interese xeral e fuxa da especulación inmobiliaria”. 

Do mesmo xeito, o Grupo Común da Esquerda considera que é clave a creación dun consorcio para a xestión do Porto Exterior no que estean incluídos o Ministerio de Fomento, Portos do Estado, a Autoridade Portuaria, o ADIF, o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia. Ademais, para a viabilidade financeira e medioambiental futura do Porto da Coruña, destácase que a conexión ferroviaria é un factor fundamental.

Escoita o audio