Luca Chao critica a incapacidade do goberno do PP en materia industrial, coa que se levan perdidos 22.500 postos de traballo nunha década.

O Grupo Común da Esquerda esixiu este mércores que a Xunta se implique activamente na procura dun inversor para EMESA, unha empresa que actualmente conta con 84 profesionais que levan dende setembro sen cobrar e están a piques de entrar nun expediente de regulación de emprego temporal. A voceira do Grupo, Luca Chao, criticou nunha pregunta no Pleno do Parlamento a incapacidade do goberno do PP en materia industrial, coa que se levan perdidos 22.500 postos de traballo nunha década.

“A nós gustaríanos escoitar que están traballando arreo para atopar un proxecto industrial galego para esta empresa, un proxecto propio que garanta o futuro da comarca. Esta é a demanda do persoal afectado, un proxecto que permita, por exemplo, recuperar o seu papel punteiro no sector eólico”, reclamou Chao ao conselleiro de Industria, incidindo en que as tratraballadoras e traballadores, cos que hoxe mantivo unha xuntanza, “non se explican que se chegara a esta situación”. 

Para facer fronte ao problema, a voceira demandou que a Xunta “debe implicarse activamente na busca dun inversor. De verdade, non pantasma, como o que dicían ter en Vulcano. Un que sexa serio. Vostedes deben intervir activamente para evitar o peche da empresa, protexer os empregos actuais e abrir a porta a tantos outros que poderían vir”. Así, incidiu en que “os traballadores están preocupados porque as súas promesas acaban sempre no mesmo, en despedimentos e sufrimento para a xente”.

Segundo explicou Luca Chao, isto constátase ao ver que a Xunta “amosou o seu desinterese e incapacidade para resolver os problemas da industria galega. A súa palabra non vale nada porque xa o escoitamos con Isowat ou con Poligal. Por iso teñen sobre as súas costas a destrución de 22.500 postos de traballo industriais nunha década”. Ademais, lamentou a “xestión totalmente neglixente” que levou a EMESA á situación actual, algo que “debería ter vixiado a propia Xunta, se temos en conta os millóns de axudas, entre elas do IGAPE, para unha inversión na mellora da factoría que nunca se produciu”. Do mesmo xeito, lembrou que a empresa era punteira en produción eólica e foi o PP quen “paralizou o desenvolvemento eólico en Galicia e no Estado. Velaí o compromiso mediaombiental e co emprego de calidade deste goberno” . 

Escoita o audio