Paula Quinteiro reclama que o goberno galego deixe as alusións abstractas á defensa do emprego e leve a cabo actuacións concretas para manter os postos de traballo.

O Grupo Común da Esquerda esixiu este venres que a Xunta tome medidas concretas para evitar a perda de postos de traballo na empresa de  procesado e distribución de peixe Isidro 1952. A deputada Paula Quinteiro criticou que o goberno galego “fai alusións abstractas á defensa do emprego que despois non se concretan en actuacións para manter os postos de traballo”. Así, ante a “insuficiente” resposta do director xeral do IGAPE, lamentou que “o seu compromiso co emprego non é tal”.

Quinteiro cualificou de “intolerable” a situación que está atravesando a empresa, na que 223 persoas están sen cobrar desde novembro e sen ningunha confianza sobre que vai pasar nos próximos meses. Ademais, incidiu en que “a empresa anunciou ERE de extinción para 60% do persoal e a intención de rebaixar salarios. Vivimos semanas esperpénticas e non entendemos que a Xunta en todo este tempo non abordara o conflito como debía”.

Segundo expresou a deputada, estamos diante doutro caso dunha empresa que recibe axudas públicas e a Xunta non vixía como se empregan. “Hai que apoiar as industrias para xerar emprego de calidade, non para que se dean situacións coma esta. Houbo unha nefasta xestión empresarial e non houbo control público sobre as axudas”, destacou. Deste xeito, afeou que “este non é un caso illado, o noso país afronta un desastre industrial pola mala xestión do PP nestes anos de goberno. Asuman a súa responsabilidade sen botar balóns fóra, como fan habitualmente”.

Escoita o audio