Luca Chao: “nas eleccións que temos por diante haberá que lembrarlle ao PP que xa abonda de promesas baleiras e propaganda”

Tras a detención de Emilio Lozoya, exdirector xeral da petroleira mexicana PEMEX, o pasado mércores en Málaga, onte os medios de comunicación deron a coñecer que entre os casos polos que a Fiscalía mexicana está a investigar a Lozoya se atopa a compra do estaleiro vigués de Barreras, avalada pola Xunta. O Grupo Común da Esquerda esixe a Feijóo explicacións sobre a implicación do seu Goberno neste presunto caso de corrupción.

O presidente da Xunta anunciara que PEMEX traería ata 2.500 postos de traballo ao naval galego, contratos que nunca se chegaran a materializar e rematan agora co exdirector xeral da petroleira detido. “Velaí o final das amizades perigosas de Feijóo: na cadea. Estamos asistindo con absoluta vergoña ao resultado das súas promesas electorais”, manifestou Luca Chao. “Que o presidente non dea ningunha explicación demostra o respecto que ten polos postos de traballo en Galicia e polos nosos sectores estratéxicos. Só fala do naval cando estamos en campaña e logo deixa caer, como fixo este ano, estaleiros senlleiros do noso país coma Vulcano, sen ser quen de poñer unha soa medida sobre a mesa”, agregou.

“Nas eleccións que temos por diante haberá que lembrarlle a Feijóo que non queremos máis promesas baleiras. Abonda xa de compromisos falsos e de propaganda, o que fai falta é unha política industrial destinada a reverter a desfeita destes once anos de goberno do PP coa desaparición de 22.500 postos de traballo na industria. Cando falamos do naval, hai que poñer enriba da mesa compromisos serios, pois é un sector estratéxico de enorme importancia para Galicia que hai que protexer e apoiar”, finalizou a voceira do Grupo Común da Esquerda.

Audio con declaracións de Luca Chao