Luca Chao sinala que, de confirmarse os feitos que investiga o Tribunal de Contas, o secretario xeral de Emigración debe ser cesado de inmediato.

O Grupo Común da Esquerda esixe explicacións a Feijóo polo presunto uso de 300.000 euros para pagar favores electorais en Venezuela. Segundo as informacións publicadas este venres nos medios de comunicación,  o PPdeG en decembro do ano pasado tentou tapar con fondos dunha fundación pública un buraco de 300.000 euros detectado polo Tribunal de Contas nas axudas a emigrantes españois nos anos 2015 e 2016. A voceira do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, sinalou que, de confirmarse estes feitos, o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, “debe ser cesado de inmediato”.

Chao valorou que a Feijóo “acumulánselle os casos polos que debe dar explicacións” tras negarse a comparecer na Deputación Permanente do Parlamento para explicar a compra de Barreras por parte de PEMEX, investigada pola Fiscalía mexicana. Así, Chao lamentou que “hoxe temos que ler na prensa un novo caso de presunta corrupción a mans do Partido Popular. O uso de 300.000 euros que tiñan que estar destinados a axudas sociais en Venezuela foron empregados para pagar favores electorais”.

Ante isto, Chao preguntouse “que fixo o PPdeG ao ser coñecedor desta situación? Denunciar un presunto caso de corrupción? Non, todo o contrario”. Segundo as informacións publicadas, “o que fixeron altos cargos do PP foi colaborar para que os seus amigotes saíran libres de culpa”, concluíu.

Escoita o audio