Escrito completo en PDF

O PP mantivo paralizada a actividade durante seis dos sete anos transcorridos desde a súa creación para evitar que se evidenciase o fiasco da fusión

Santiago, 9 de xaneiro de 2020 -. O Grupo Común da Esquerda vén de trasladar á Mesa da Comisión de Investigación das Caixas de Aforro galegas un escrito solicitando que se active dita comisión, se solicite información adicional, se reitere a petición de información que ABANCA e o FROB se negaron a entregar e se abra un novo período de comparecencias para complementar a información necesaria para un bo diagnóstico do acontecido.
 
“Na lexislatura anterior, e despois de que remataran precipitadamente as comparecencias co pretexto da urxencia para tirar conclusións, o PP mandou a Comisión á neveira durante os tres anos seguintes, rematando así os 4 anos de lexislatura sen conclusións pero si co resultante da fusión das Caixas privatizado a prezo de ganga”, explicou esta mañá Antón Sánchez. “Despois de que nesta segunda etapa da Comisión levemos máis de dous anos sen actividade polo bloqueo que fai o Grupo Popular, cremos que non hai escusas para que non comparezan os responsables de decisións que condicionan a situación económica actual e futura dos galegos e galegas”, engadiu o voceiro do Grupo Común da Esquerda.

Durante o Goberno de Feijóo privatizouse o 40% do aforro galego, entregándoo a un banco venezolano a un prezo moi baixo despois de sanear con máis de 9.000 millóns de euros a entidade resultante da fusión promovida polo propio Goberno da Xunta. “Con esta decisión o PP condicionou as circunstancias de acceso ao crédito dos galegos e galegas, convertendo a Galicia nunha das Comunidades Autónomas con maior concentración bancaria, e facilitou a venda da carteira industrial que posuían as antigas Caixas. Isto último supuxo que activos industriais voasen lonxe de Galicia, coa conseguinte perda de emprego pola deslocalización e de capacidade de decisión”, apuntou Antón Sánchez.

“Detrás da crise económico-industrial actual de Galicia están os efectos da venda de activos industriais coma R a Euskaltel, que lle reportou a ABANCA 203 millóns de plusvalías no exercicio 2015, e que acaban tendo efectos negativos no emprego”, continuou o deputado. “Este só é un exemplo do pernicioso da privatización do aforro galego e das moitas que están a acontecer noutras das empresas sobre as que as antigas caixas tiñan influencia. Consciente disto, Feijóo manexa os tempos co obxectivo de que non se diriman as responsabilidades políticas da estafa, bloquea as peticións de comparecencias, frea os traballos da Comisión e agocha información chave”, agregou.

A proposta do Grupo Común da Esquerda de reactivación da Comisión ten por obxectivo que se esclarezan ante a cidadanía os motivos polos que se decidiu que NGC banco non era unha entidade sistémica, como si foi considerada Bankia, e polo tanto se mantivo como entidade pública, así como os criterios que se seguiron para a aceleración da venda moito antes de que vencese o prazo, cando a maioría dos expertos coincidían en que agardar daría tempo a formular alternativas en clave social e pública ou permitiría unha venda máis beneficiosa. “Queremos evitar que se cumpran os desexos de Feijóo e se peche en falso a Comisión ou remate a lexislatura sen que conclúan os seus traballos nin se aclare quen foron os responsables das decisións que se tomaron”, manifestou finalmente Antón Sánchez.