Luca Chao e Eva Solla destacaron que a mobilización supón un fito fundamental fronte ás políticas sanitarias aplicadas polo PP.

O Grupo Común da Esquerda destacou este domingo que a manifestación celebrada en Compostela en defensa da sanidade pública é un non rotundo ás políticas de recortes de Feijóo. Así o expresaron a voceira Luca Chao e a deputada Eva Solla en declaracións aos medios á saída da mobilización convocada por SOS Sanidade Pública na que participaron milleiros de persoas. 

“Despois da vitoria da cidadanía en Verín, esta manifestación ten que ser un fito fundamental para dicir non ás políticas de recortes na sanidade do goberno de Feijóo”, resaltou Luca Chao. Na mesma liña, Eva Solla declarou que “é un éxito a cantidade de xente que está aquí concentrada”, apuntando que desta maneira se trasladan dúas mensaxes. A primeira delas é que “a xente dixo que xa basta de recortes na sanidade pública”.

A segunda destas mensaxes, segundo explicou Eva Solla, é que “existe unidade entre toda a oposición fronte ao goberno do PP” para traballar por “desaloxar da Xunta á dereita que destroza a sanidade pública”.