Luca Chao e Eva Solla denunciaron as agresións permanentes que está sufrindo a sanidade pública a mans do goberno do PP.

O Grupo Común da Esquerda chamou este luns a participar na manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública para o domingo 9 de febreiro para que sexa un fito fundamental na fin das políticas de Feijóo. Segundo explicou a voceira Luca Chao esta mañá en rolda de prensa xunto á deputada Eva Solla, son moitos os motivos para acudir a esta convocatoria debido ás “agresións permanentes” que está sufrindo a sanidade pública a mans do goberno do PP. “É imprescindible que a cidadanía diga unha vez máis non ao deterioro da atención primaria, ás listas de espera inaceptables, ao peche de servizos, á precarización e á privatización. Vímolo en Verín, cando a cidadanía se mobiliza, acádanse vitorias”, engadiu.

Luca Chao sinalou que precisamente na reapertura do paridoiro de Verín “despois de dous meses de desatinos, a cidadanía mobilizada obrigou a Feijóo a rectificar”. Mais, “lonxe dunha desculpa, o que temos sobre a mesa é outra agresión aos dereitos das mulleres, esta vez baixo o nome de consentimento reforzado. Consentimento reforzado? Que é isto? Que xustifica que as mulleres de Verín teñan menos dereitos que as mulleres do resto do país? Preguntámolo no pasado pleno e aínda non temos respostas”. Sobre esta cuestión incidiu Eva Solla, afirmando que “o consentimento informado reforzado é un eufemismo para presionar as nais de Verín. Produce unha inseguridade xurídica que hoxe se reabra o paridoiro sen que os profesionais saiban en que consiste. Para nós, é unha inventiva do conselleiro nesa carreira costa abaixo cara ningún lugar, pero seguiremos pedindo explicacións”.

Ademais, Luca Chao denunciou que “os fantásticos xestores da Xunta só foron quen de levar os pediatras precisos a Verín a  costa de quitarllo a outra comarca. 10.000 persoas na Costa da Morte quedan agora sen pediatra. Non serven a escusas de Feijóo e do conselleiro de que non hai pediatras, porque eles levan dez anos gobernando este país, impoñendo a precariedade laboral para o persoal sanitario. Polo tanto,son responsables da situación que temos agora: da ausencia de pediatras, das esperas excesivas en atención primaria ou da saturación das urxencias”, algo que está provocando queixas constantes dos profesionais e dos pacientes, que “sofren en primeira liña as consecuencias da política privatizadora de Feijóo”.

A voceira criticou tamén as “artimañas censoras” do presidente, adevertindo que non lle van servir. “É inaceptable que pretenda silenciar as críticas e amordazar a liberdade de expresión vetando a presenza de carteis nos centros sanitarios. É unha vergoña que a consellería destine a isto os seus esforzos en vez de atender os problemas que os propios carteis denuncian”, afeou.

Pola súa banda, Eva Solla detallou as iniciativas que o Grupo Común da Esquerda está levando a cabo en materia sanitaria. Ademais de reclamar explicacións polo consentimento informado reforzado, sinalou que no vindeiro Pleno o Grupo Común da Esquerda presenta unha moción sobre a ausencia de medidas suficientes para manter a equidade do sistema sanitario, especialmente no rural. “Fronte ao anuncio de que esta sería a lexislatura do rural, a realidade é que o PP cosnidera os habitantes destas zonas cidadáns de segunda”, lamentou. 

Solla tamén se referiu a un informe do  Comité para a Prevención da Tortura do Defensor del Pueblo, feito público polo Movemento Galego de Saúde Mental, no que se indica que a Xunta non tomou ningunha medida para que non se vulenraran dereitos fundamentais das persoas ingresadas no Hospital de Conxo. “En 2017 xa preguntamos por isto e dende entón non se fixo nada. É unha situación grave que este organismo leve dous anos con este expediente aberto porque a Xunta non teña tomado medidas”. 

Para a deputada, esta “é unha consecuencia de que non se teña publicado o Plan Galego de Saúde Mental cun orzamento suficiente, como levamos reclamando dúas lexislaturas. O PP sempre vota en contra das iniciativas ao respecto, como tamén o fai cando se fala de incluír psicólogos na atención primaria. É unha promesa incumprida”. Aínda así, remarcou que “seguiremos insistindo con iniciativas e reclamando a comparecencia do conselleiro para que dea explicacións”. Todo isto “é un síntoma claro do escaso interese da Xunta pola saúde mental”. Solla concluíu citando outras das situacións polas que pedirá explicacións o Grupo, como son os retrasos inxustificados e as salas de espera ateigadas que sofren os pacientes do servizo de oncoloxía de Vigo.

Escoita o audio