Escoita o audio

Luca Chao: “esta é unha vitoria clara e contundente da cidadanía mobilizada”

Verín, 18 de xaneiro de 2020-. Tras numerosas protestas da veciñanza de Verín, do persoal do seu Hospital ou do movemento feminista, hoxe deuse a coñecer que Feijóo finalmente rectifica e reabrirá o paridoiro de Verín a comezos de febreiro. Hai apenas unhas horas, a Xunta informou de que formalizará ao longo da vindeira semana a contratación de dous pediatras. “Hoxe comprobamos como cando a cidadanía se mobiliza, hai vitorias. Asistimos a unha vitoria clara e contundente da cidadanía de Verín e das mulleres que se mobilizaron para obrigar a Feijóo a recuar”, manifestou Luca Chao.

O Grupo Común da Esquerda celebra este éxito da mobilización social, que finalmente forzou a Xunta a dar marcha atrás nunha decisión que vulneraba os dereitos da cidadanía. “O que lamentamos é que isto pasase despois de dous meses de despropósitos e declaracións insultantes que atentaban claramente contra os dereitos das mulleres”, apuntou Luca Chao. “Consideramos que o señor Vázquez Almuíña é o responsable dos depropósitos destes dous meses, e que a rectificación non é completa se o conselleiro non asume as súas responsabilidades e dimite. Ao tempo que reabre o paridoiro, Feijóo debería instar o conselleiro de Sanidade a marchar para a súa casa e poñer unha persoa competente á fronte da sanidade pública”, engadiu.

Malia ser un día de ledicia, o Grupo Común da Esquerda considera que non se debe esquecer o sufrimento innecesario causado ao longo destes dous meses ás mulleres de Verín e aos seus bebés. “Agardamos que non se repita unha decisión coma esta e que o día de hoxe marque un fito claro de cara a manifestación en defensa da sanidade pública que teremos o vindeiro día 9 de febreiro. É o día de dicirlle claramente ao señor Feijóo que non pode seguir co seu plan de privatización e desmantelamento da sanidade pública, que a cidadanía vai estar aí e non llo vai permitir, como estivo en Verín”, lembrou Chao.

A voceira do Grupo Común da Esquerda animou tamén a acudir a esta mobilización da Plataforma SOS Sanidade Pública do 9 de febreiro -ás 12 desde a Alameda compostelá- para “defender os servizos públicos de calidade”, “non ter nunca máis corredores colapsados nos servizos de Urxencias”, “para non ver pechados servizos básicos” ou “para dicir que queremos unha sanidade pública de calidade en todo o territorio, o rural incluído”.