Escoitar o audio

Eva Solla esixe que a Xunta deixe de lavar as mans neste conflito e exerza unha mediación ou sancione a empresa concesionaria para rematar coa precariedade destes profesionais.

Santiago, 2 de xaneiro de 2020-. O Grupo Común da Esquerda amosou este xoves o seu apoio á folga do persoal da central de chamadas do 061 do próximo día 6 de xaneiro entre as 19 e as 21 horas ante o incumprimento que están a sufrir das súas condicións laborais. Este apoio foi trasladado pola deputada Eva Solla a representantes do Comité de Empresa deste colectivo nunha xuntanza celebrada no Parlamento. Deste xeito, a deputada ademais rexistrará iniciativas na Cámara para esixir que  a Xunta exerza unha mediación ou sancione a empresa concesionaria para rematar coa precariedade destes profesionais.

“É unha vergoña que teñan que convocar a terceira folga reclamando que se lles paguen os seus salarios e que se respecten as súas condicións laborais”, denunciou Solla. A deputada engadiu que “mentres a Xunta lava as mans e utiliza a imaxe dos traballadores pola boa valoración que ten o servizo, o persoal que atende as chamadas das urxencias sanitarias leva tres meses con ameazas da empresa Grupo Norte de impago das súas nóminas. Este mes aínda non se lles abonou o 100% do salario e adebédanselle os incentivos acordados por convenio colectivo. É a enésima vez que se produce un conflito laboral porque non se cumpren as condicións pactadas”.

Así, Eva Solla considerou que “o persoal non pode seguir con esta precariedade laboral de maneira infinita, en primeiro lugar polo respecto aos seus dereitos, e en segundo lugar, porque non se pode ter en situación continua de estrés a quen atende algo tan esencial como as chamadas das urxencias sanitarias. É unha vergoña que estes profesionais sigan sen estar integrados na consellería de Sanidade e que se manteña con subcontratas que xogan cos dereitos laborais”.

Ante esta situación, o Grupo Común da Esquerda demanda unha actuación decidida por parte da Xunta. “O goberno de Feijóo non pode seguir lavando as mans perante esta situación. O conselleiro de Sanidade e o propio presidente da Xunta son responsables do servizo, porque a pesar de que estea subcontratado, a atención das urxencias sanitarias é un servizo público. Polo tanto, teñen que mediar para que se cumpran inmediatamente os dereitos laborais. Do contrario, deben sancionar a empresa concesionaria porque non se pode permitir esta situación de precariedade laboral”, sinalou Solla.

Por último, a deputada lembrou que “Feijóo usou en fin de ano a imaxe das persoas que se quedaban a traballar esa noite velando pola seguridade e a saúde de todas e todos. Debería utilizar menos estas fotografías e recordar máis que ten un compromiso de que as traballadoras e traballadores teñen que cobrar e comer todos os meses. O que está acontecendo con estas persoas é un incumprimento flagrante dos seus dereitos laborais que afecta a un servizo esencial para toda a cidadanía”.