A voceira do Grupo Común da Esquerda reprocha na comparecencia do vicepresidente Rueda que o único proxecto que teñen para Galicia é confrontar co goberno do Estado.

A voceira do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, sinalou este martes que, á vista de como se coloca o PP na oposición durante a comparecencia no Parlamento do vicepresidente Alfonso Rueda, parece que “teñen claro que ese vai ser o seu futuro”. Ademais, Chao reprochou que “o único proxecto que teñen para Galicia” é confrontar co goberno do Estado, sinalando ademais que escoitando ao vicepresidente, “unha podería pensar que o PP nunca gobernou no Estado nin neste país”.

Pola contra, Chao incidiu en que “temos memoria”, e por iso comezou lembrando que o PP “foi o que causou o problema” realcionado coa devolución do IVE ás Comunidades Autónomas, “modificando o sistema de xestión en 2016 e ampliando o prazo para a presentación das liquidacións en 2017. Ademais, foron vostedes os que impediron a solución a este problema ao bloquear os Orzamentos do 2019 e levarnos a eleccións”. A voceira reivindicou que “nós dixémolo dende o minuto cero, por suposto que reclamamos a devolución do IVE de 2017 e temos a certeza de que o diálogo político dará os seus froitos”.

Por isto, considerou que “abonda xa da pataleta e do cinismo de Feijóo e de todo o seu goberno”. Luca Chao tildou de “imprudencia, irresponsabilidade e electoralismo sen límties” propoñer que o tema se leve aos tribunais “en lugar de buscar mecanismos para a recuperación do IVE”. Nesta liña, destacou que “urxe sentarse a falar dun novo modelo de financiamento capaz de atender as demandas e benestar da cidadanía” e lembrou que “cada vez que trouxemos estas propostas ao Parlamento, vostedes dixeron que non”.

A voceira continuou expoñendo que “queremos os 200 millóns, pero tamén os 516 millóns de euros que nos custou a autosuficiencia do seu goberno en materia financeira. 516 millóns de sobrecuste que soportamos as galegas e os galegos por unha deficiente xestión da débeda por parte dos Gobernos de Feijóo entre os anos 2012 e 2016. Que mágoa, señor Rueda, que estes millóns non lle importen tanto nin a vostede, nin ao señor Feijóo”.

Outra cifra que “parece que tampouco lle importa tanto ao PP son os 438 millóns de euros de sobrecustos e reclamacións dos contratistas pola pésima xestión do Partido Popular en todo o referido ao AVE a Galicia”, espetou a voceira. Así, citou que tal e como recolle o Tribunal de Contas, Adif paralizou obras do AVE galego en 2016 e 2017 de xeito irregular e, nalgúns casos, contrarios á lei. Chao enumerou as diferentes promesas incumpridas polo Partido Popular nos gobernos da Xunta e Do Estado, dende as de Feijóo como conselleiro de Infraestruturas de Fraga en 2003 sobre a conexión de alta velocidade entre A Coruña e Ferrol, ata as máis recentes dos ex ministros de Fomento Ana Pastor e Íñigo de la Serna, que “paralizaron as obras, deixaron os investimentos sen executar e vostedes calaban e miraban para outro lado”.

En materia de infraestruturas, Chao incidiu na necesidade de desenvolver unha rede de proximidade capaz de blindar o dereito á mobilidade da cidadanía. “Un punto recollido no acordo de goberno de coalición sobre o que imos insistir”, apuntou, do mesmo xeito que pediu que a Xunta traballe de xeito coordinado co goberno estatal para acordar un novo proxecto de intermodal de Ourense, sen retarasar a chegada do AVE e asumindo as demandas da plataforma Tren Digno para Ourense. Tamén reclamou a necesidade de condonar a débeda do Porto da Coruña, ou de financiar a conexión ferroviaira co porto exterior de Punta Langosteira, fundamental para a súa viabilidade.

Con respecto á transferencia da AP9 a Galicia, Chao chamou a “non esquecer os actores protagonistas da crónica dunha estafa. Temos que lembrar que foi o señor Aznar o que aumentou a concesión ata o 2047. De non ser por el, polo seu partido, esta concesión remataría o ano que vén. Pero vostedes sempre tratan de deixar todo atado e ben atado, se é negocio para os amiguetes, máis aínda”. Chao criticou que o PP votou en contra ata sete veces durante o goberno de Rajoy ante as propostas da oposición no Parlamento para rebaixar as peaxes, mentres que “nós dixémolo cando gobernaba Rajoy, cando gobernou Sánchez en solitario e agora, que temos un goberno de coalición: queremos unha AP9 pública e gratuíta”. 

A voceira convidou a Rueda e ao PP a sumarse a demandas ao goberno do Estado “e das que non dixo nada”, como a creación de novos xulgados especializados en violencia de xénero. Do mesmo xeito, “convidámolo a apoiar outras cuestións relevantes para Galicia”. Neste apartado, nomeou a auditoría e recuperación dos bens expoliados do franquismo, comezando polo Pazo de Meirás, o saneamento das rías, a promoción do idioma propio, a aplicación dun plan de retorno para as máis de 160 mil mozas e mozos que marcharon do país.

Para concluír, Luca Chao tamén instou o vicepresidente da Xunta a “poñer en valor as importantísimas medidas que este goberno xa aprobou para a cidadanía galega. En apenas 15 días, un aumento do salario mínimo que mellorará a vida de 300.000 persoas en Galicia, ou a revalorización das pensións que atinxe a 766.000 galegas e galegos que van ver incrementada a súa pensión. Fixo máis o goberno de coalición pola cidadanía de Galicia en 15 días que o PP na Xunta en dez anos”. 

Escoita o audio