O Grupo Común da Esquerda avalía que o proxecto do presidente está esgotado e incide en que “canto antes poida expresarse a maioría social que quere un cambio, mellor”.

O Grupo Común da Esquerda sinalou este luns que a decisión do presidente da Xunta de adiantar as eleccións galegas ao 5 de abril se debe á presión exercida nas rúas, que o obrigou a rectificar as súas políticas en varias ocasións nas últimas semanas.

“A reapertura do paridoiro de Verín foi a primeira rectificación de Feijóo, a primeira gran vitoria da cidadanía. Onte tiña que producirse a segunda e efectivamente, así ocorreu”, manifestou a voceira do Grupo, Luca Chao, en referencia á multitudinaria manifestación en defensa da sanidade pública. “O berro das rúas obriga a Feijóo a convocar as eleccións”, incidiu.

Desta maneira, Chao avaliou que este adianto da convocatoria electoral “é unha vitoria da cidadanía, que onte dixo con claridade que non vai permitir que sigan desmantelando a nosa sanidade pública, e que con ela non se negocia”. Ante isto, engadiu que “canto antes poida expresarse a cidadanía, canto antes poida expresarse a maioría social que quere un cambio, mellor”. 

A voceira salientou que “hai moito tempo que o proxecto de Feijóo dá sinais de estar totalmente esgotado”. Así, concluíu que “el recoñéceo hoxe, está recoñecendo o seu fracaso, está recoñecendo que non ten proxecto para Galicia, e os indicios que tiña enriba da mesa apuntaban que cada día que pasaba xogaba na súa contra”.

Escoita o audio