A voceira do Grupo Común da Esquerda acusou o Executivo galego de “facer propaganda co sector naval” sen “ofrecer ningunha solución ás familias afectadas”

Santiago, 30 de xaneiro de 2020-. Luca Chao esixiu ao presidente do IGAPE, esta mañá na Comisión de Industria, que garantan a recuperación dos postos de traballo en Vulcano e a continuidade da carga de traballo en Barreras e as súas auxiliares. Denunciou, así mesmo, que a deputada popular Teresa Egerique “excusase a inacción absoluta de Feijóo e Francisco Conde á hora de deixar caer Vulcano”. “Non apareceu ningún dos inversores prometidos, caeu un estaleiro senlleiro e centenario e os traballadores levan tres semanas en proceso de liquidación mediante o fondo de garantía salarial. Vanlles negar o dereito a recuperar os seus empregos? Van permitir que se perdan os máis de 3.000 postos de traballo que se poderían crear no naval en Vigo se sae adiante o proxecto de Vicalsa”?, interrogouno.


A voceira do Grupo Común da Esquerda asegurou que no Pleno de onte, no que houbo diversos debates sobre o sector naval en Vigo, “ficou clara a postura do Goberno galego de mirar cara outro lado e dicir que todo está ben”. Non sorprende, afirmaba Luca Chao, xa que o precedente era “o fachendoso discurso de Feijóo no Debate sobre o estado da Nación”, onde o presidente presumiu de que o naval galego tivese “unha carteira de pedidos magnífica”, “esquecendo o que acontecía en Vulcano, Barreras, nas subcontratas de Ferrol ou na industria auxiliar en Vigo, onde xa se destruíran 1.000 postos de traballo”, tal como denunciou tamén a deputada. “Vostedes fan moita propaganda co naval, como os anuncios de Feijóo na CRTVG sobre o acordo con PEMEX que quedou en nada, pero non ofrecen ningunha solución real aos centos de familias afectadas”, engadiu.

Ademais de instar a Xunta a non perder a oportunidade da creación de postos de traballo en Vulcano, a voceira do Grupo Común da Esquerda tamén lembrou que esta mesma semana se produciu un acordo para a financiación de Barreras e para os prazos de pagos da débeda coas auxiliares, e preguntou a Juan Cividanes cal sería o próximo paso da Xunta. “Cando se rematen os barcos comprometidos, Barreras ten que seguir tendo carga de traballo. Están en xogo centos de postos de traballo na Ría de Vigo”, manifestou. Unha vez máis, o presidente do IGAPE non respondeu a ningunha das preguntas formuladas, esquecendo a súa responsabilidade na materia.

Escoita o audio aquí