A voceira do Grupo Común da Esquerda e Paula Quinteiro cualificaron a Lei de impulso demográfico presentada pola Xunta como “baleira, propagandística e natalista”

Esta mañá Luca Chao e Paula Quinteiro analizaron en rolda de prensa no Parlamento de Galicia a nova Lei de impulso demográfico que está actualmente en trámite parlamentario, e para a que o Grupo Común da Esquerda presentou unha emenda de devolución. “Os problemas demográficos de Galicia non son a causa doutros problemas, non son algo que se poida lexislar, senón que son a consecuencia do fracaso das políticas do Partido Popular durante os últimos anos”, explicou a voceira. “As eivas que presenta a Lei son, polo tanto, as eivas das políticas da Xunta, e esta Lei non é máis ca fume e propaganda”, engadiu.

As leis propagandísticas e baleiras son, segundo expuxo Chao, a “tónica xeral do PP durante esta fin de lexislatura” para ocultaren “o vergoñento ritmo lexislativo que mantiveron durante estes catro anos”. A voceira do Grupo Común da Esquerda denunciou que a Lei de impulso demográfico se limite a “recompilar medidas que xa estaban postas en marcha ou anunciadas” e que careza de orzamentos asociados, e polo tanto, “compromiso real”. “O Proxecto afonda no ideario caduco, rancio e trasnoitado do Partido Popular sustentado no natalismo. Presenta unha obsesión co rol social das mulleres como nais e coidadoras e coa familia tradicional e numerosa e é, polo tanto, culpabiliza as mulleres que se negan a ter o número de fillos que en teoría deberan ter”, manifestou Luca Chao. “O PP segue sinalando as mulleres como principais responsables do problema demográfico de Galicia”, denunciou.


A voceira do Grupo Común da Esquerda tamén criticou que a Lei se cinguise exclusivamente no retorno de emigrantes e dos seus fillos e netos e excluíse á poboación migrante non vinculada previamente a Galicia, o que cualificou como “unha visión desfasada e supremacista”. Denunciou, así mesmo, que dentro da emigración galega o Proxecto se centrase maioritariamente na tradicional e excluíse “a toda a mocidade que marchou deste país nos últimos anos por culpa das súas políticas”. “Falan de demografía porque non queren falar de precariedade, desemprego, salarios de miseria e carencias nos servizos públicos. A aplicación de políticas natalistas non vai reverter a situación, o que cómpre é un cambio por completo nas políticas económicas e sociais”, agregou.
 

Paula Quinteiro, pola súa banda, centrouse nas políticas públicas prioritarias que “teñen que ver coa situación material das persoas e poden dar resposta aos problemas reais que explican a situación demográfica de Galicia: a pobreza, a inestabilidade laboral e a precariedade, con “prestacións económicas de cuantía totalmente insuficiente”, como sería o caso da RISGA; as dificultades no acceso a unha vivenda digna; o desequilibrio territorial marcado polo desmantelamento dos servizos públicos, especialmente no rural; os sistemas de atención á dependencia, sobre os que o PP “fai moita propaganda” malia non ter creado ningunha praza 100% pública en residencias de maiores en dez anos; a perpetuación da asociación histórica dos coidados coas mulleres, coa falta de aposta por permisos iguais e intransferibles entre maternidade e paternidade e os conseguintes problemas de conciliación, ou o esquecemento de modelos de familia distintos do nuclear, obviando modelos como o monomarental, que debera ter “unha lexislación propia en Galicia”, segundo expuxo a deputada.


“Esta lei non muda en absoluto o fondo das políticas que levan poñendo en marcha desde que gobernan e que se demostra que foron un fracaso”, criticou Quinteiro. “O exemplo témolo coa resposta cidadá aos recortes na sanidade pública, especialmente no rural, que deron onte milleiros de persoas nas rúas de Compostela”, apuntou. Luca Chao tamén celebrou o “éxito rotundo” da manifestación, que considerou como “o segundo gran fito que evidencia o esgotamento do Goberno de Feijóo”, despois da rectificación sobre o peche do paridoiro de Verín. “Foi unha resposta rotunda da sociedade galega, de xente de todo o país e de distintas áreas sanitarias que ateigamos as rúas en defensa da sanidade pública”, manifestou.


Desprotección laboral. A voceira do Grupo Común da Esquerda tamén enviou azos aos familiares e achegados de Luis Vidal Bea, o mariñeiro falecido esta fin de semana ao norte das Ons. “Garantir a seguridade no traballo ten que ser unha prioridade das Administracións e un piar de actuación fundamental dos Fondos Europeos que recibimos”, demandou.

Violencia machista. Así mesmo, Luca Chao denunciou o asasinato machista desta fin de semana en Lugo, enviando de novo apoio aos familiares e achegados da vítima e manifestando que as deputadas e deputados do Grupo Común da Esquerda se sumarán ás convocatorias en repulsa convocadas polo movemento feminista en distintas cidades e vilas galegas. “A situación é insoportable, cada vez se fai máis difícil atopar as palabras. Precisamos que a loita contra as desigualdades de xénero sexa unha prioridade do Goberno e da sociedade. Precisamos máis recursos para loitar contra estas violencias”, manifestou.

Audio da rolda