A deputada do Grupo Común da Esquerda interpelou o conselleiro de Sanidade sobre a equidade do sistema sanitario, nomeadamente no rural

Santiago, 29 de xaneiro de 2020-. Esta tarde Eva Solla interpelou o conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña, sobre a equidade do sistema sanitario galego, os servizos no rural e nos hospitais comarcais e o conflito do peche do paridoiro de Verín. “Non deixan vostedes de sorprendernos, cando parece que non o poden facer peor, supéranse: primeiro faltaron ao respecto aos profesionais aludindo á súa falta de pericia, despois fixeron recaer a responsabilidade nas nais e agora chega o nunca visto, invéntanse un elemento novo, o consentimento informado e reforzado, que vén a ser un PIN parental para os pais e nais que queren ter os seus fillos no seu Hospital”, manifestou a deputada.

Solla aproveitou a súa intervención para parabenizar as persoas que saíron á rúa “defendendo a equidade sanitaria con unllas e dentes” e lembrou que o consentimento informado e reforzado que anunciou o PP tras rectificar a súa decisión de pechar o paridoiro de Verín “non está contemplado dentro da regulación do consentimento informado”. “O consentimento informado está lexislado no Estado desde 2002 e foi trasladado despois ás CCAA, incluída a Lei de Saúde de Galicia. Están perfectamente regulados os casos, así que explique en que consiste o PIN parental do PP en Verín e cal é a diferenza entre ‘informado’ e ‘reforzado’, así a cidadanía que escoita as súas ocorrencias saberá en que consisten”, instou a deputada, sen recibir esa clarificación por parte do conselleiro. Solla incidiu igualmente en que “é denunciable” porque se cae nun “agravio comparativo con outros servizos” e se emprega como “elemento coercitivo cara as nais”.


Ante a ironización do conselleiro sobre a intención da oposición de que “se mantivese un servizo de partos sen pediatra”, Eva Solla acusouno de cinismo porque “sabe perfectamente que trouxemos moitas iniciativas advertindo do que acontecería cando se xubilase o persoal e que levamos tempo interesándonos polos recortes neste e noutros centros”. “Non había pediatras ata que misteriosamente apareceu a posibilidade de contratalos xusto cando 20.000 persoas saíron á rúa”, lembrou a deputada. “O dereito á saúde é un dereito fundamental e básico do que están privando os cidadáns que viven no rural. Neste país non pode haber cidadáns de segunda”, insistiu.

No que respecta á equidade sanitaria, a deputada do Grupo Común da Esquerda criticou a “hipocrisía” do PP, xa que nin sequera mencionan o papel da sanidade como elemento vertebrador do país nin a garantía de atención sanitaria no rural na nova Lei de Impulso Demográfico que está actualmente en trámite. “Para este Executivo, todo o que sexan servizos cunha reducida fecuentación, como acontece no rural por mor da despoboación, non son máis ca un gasto, e por iso tratamos aquí continuamente carencias nos centros de saúde no rural”, apuntou Eva Solla.

Outras cuestións que abordou a deputada foron a chamada de atención do Consello Médico á Consellería de Sanidade, que instou a que “se puxesen as pilas para buscar profesionais”; a alta perda de capacidade adquisitva dos médicos en Galicia, ou as “bombas de fume” a respecto da hospitalización a domicilio. “Vostedes anunciaron que van ampliar o servizo de hospitalización a domicilio no distrito sanitario da Rúa, pero é unha falacia porque non aumentan o número de profesionais e os que hai actualmente non chegan para cubrir todo o distrito, só o concello do Barco e os máis próximos”, apuntou.

Escoita o audio aquí