Escoita o audio

Xan Xove insistiu na urxencia de reforzar a seguridade no peirao e criticou que a Xunta mantivese o proxecto paralizado durante anos

Santiago, 17 de xaneiro de 2020-. Esta tarde foi aprobada por unanimidade na Comisión 8ª do Parlamento de Galicia, de Pesca e Marisqueo, unha iniciativa do Grupo Común da Esquerda para o desbloqueo da construción do dique de abrigo do Porto de Meloxo, no concello do Grove. O deputado Xan Xove, quen defendeu a iniciativa, salientou a necesidade de construír ese dique duns 70 metros para “evitar que entren os ventos predominantes do sur que afectan gravemente ao interior deste Porto”.

Antonte os medios de comunicación publicaban que un veleiro se soltara dos amarres en Porto Meloxo e rematara varado no Illote de Areoso, cruzando deste xeito a metade da bocana da Ría, noticia que exemplificaba a urxencia da construción do dique. “É necesario incrementar a seguridade neste peirao, que apenas na súa metade interior protexe dos ventos do sur”, explicaba Xan Xove amosando a noticia publicada nos xornais.

A construción deste dique é unha reclamación do sector bateeiro do Grove, e de feito permitiría unha redistribución da frota bateeira ao reducir o tempo de traxecto entre as zonas de cultivo, o que supón un aforro de tempo e combustible. “Isto tamén facilitaría a ordenación do Porto do Grove, tal e como foi recoñecido pola propia Administración galega. A posibilidade de ampliar o amarre en Porto Meloxo permitiría tamén reducir o elevado número de fondeos que se levan a cabo nese lugar, podendo recuperar unha zona que foi historicamente aproveitada polo marisqueo a frote e que hoxe se atopa inutilizada”, expuxo Xove.

O proxecto da construción do dique foi presentado por Portos de Galicia en 2016, pero tras recibir alegacións por parte da Confraría grovense, paralizouse ata 2018, ano no que a Xunta decidiu lavar as mans e deixar recaer as decisións técnicas sobre a Confraría, as mariscadoras e o sector bateeiro. “Case catro anos despois, o proxecto segue paralizado porque Portos de Galicia non toma unha determinación definitiva a respecto de como se vai levar a cabo”, denunciou Xan Xove.

O deputado do Grupo Común da Esquerda tamén lembrou que o seu Grupo presentara no seu momento unha emenda aos Orzamentos da Xunta para o 2020 na que se aumentaba a partida destinada ao Porto Meloxo desde a “cantidade irrisoria” de 30.000 euros que se propoñía ata os 450.000 euros. “Lamentablemente, esta emenda foi rexeitada polos votos en contra do Partido Popular”, engadiu finalmente.