A deputada do Grupo Común da Esquerda reclamou á conselleira de Infraestruturas que escoite á Plataforma por unha Intermodal Digna e rectifique o actual proxecto.

A deputada do Grupo Común da da Esquerda, Ánxeles Cuña, esixiulle este mércores á Xunta que evite que o futuro de Ourense quede hipotecado pola estación intermodal. Nunha pregunta no Pleno do Parlamento á conselleira de Infraestruturas, reclamou que atenda as melloras demandadas da Plataforma por unha Intermodal Digna, que se está mobilizando pola rectificación do actual proxecto. “Queremos unha cidade mellor para vivir, cunha intermodal que potencie as súas riquezas e fortalezas”.

“Nesta década escura, que fixeron? Deixar as intemodais na gabeta?”, preguntou Cuña. “Como conselleira leva dende o ano 2014, e a Xunta tivo a oportunidade de coincidir con dous ministros do seu partido desde o 2011 ao 2018. Sempre se repite a mesma historia. Vostede bota balóns fóra como no seu día fixo cos gobernos do cambio da Coruña e Compostela”, criticou, ademais de pedirlle á conselleira que nos aforre “a vergoña de escoitar como lle atribúe as culpas ao actual goberno central”.

Tras a resposta da titular de Infraestruturas, Cuña, volveu insistir na necesidade de que “escoite os expertos, fale con eles, como debe facer. Ten esa responsabilidade”. Ademais, remarcou que “non se tiveron en conta as suxestións do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia” para un proxecto no que ademais “o Consello de Contas censurou a falta de coordinación entre administracións”. 

A deputada tamén afeou que “a falsa afirmación de que o proxecto que gañou é unha maqueta, posta en boca dunha conselleira de Infraestuturas, é unha vergoña”. Ante esta actitude augurou que “cómpre que se faga xustiza poética do que están facendo con Ourense e que lles pase factura”.

Ao longo da súa intervención, Cuña sinalou que Ourense é unha provincia “esquecida, maltratada e malversada” e o actual proxecto da intermodal incide nestes agravios. Desta maneira, lembrou que este proxecto será “a infraestrutura a nivel de comunicación e transporte máis importante do século para a cidade e a provincia. Unha oportunidade histórica de rexeneración urbana”. Neste escenario, considerou unha irresponsabilidade que se siga adiante cunha intermodal que non reúne as características necesarias para non ser tildada como “unha chapuza”.

Escoita o audio