Escoita o audio

Os deputados do Grupo Común da Esquerda criticaron que Feijóo se escude nunha presunta falta de pediatras que “é de feito síntoma da precariedade do sistema sanitario galego

Verín, 8 de xaneiro de 2020-. Ánxeles Cuña e Antón Sánchez acompañaron esta mañá a veciñanza de Verín e o persoal do seu Hospital na concentración que a Plataforma Verín Non se Pecha convocara ás portas do mesmo. A deputada do Grupo Común da Esquerda lembrou a ameaza que o peche do paridoiro de Verín supón para o conxunto de hospitais comarcais de Galicia polo precedente que senta e destacou a “dignidade” de todas as persoas que levan desde decembro mobilizándose en contra desta “decisión nefasta da Xunta”.

No día de peche do prazo para cubrir as prazas de pediatría, Antón Sánchez denunciou tamén que a falta de pediatras “se está empregando como pretexto, cando é un síntoma máis da precariedade do sistema sanitario galego e do desmantelamento de servizos públicos no rural. O Goberno galego, se fai ben o seu traballo. ten na súa man que haxa pediatras en todos os hospitais comarcais, pero non quere facer ese traballo porque lle interesa máis dar espazo á sanidade privada”. O voceiro do Grupo indicou tamén que as políticas de Feijóo converten os habitantes do rural en “cidadáns de segunda”: “os últimos anos de sangría demográfica en provincias como Ourense e en comarcas como Verín son froito da falta de oportunidades económicas, que non se xeran, e do desmantelamento dos servizos públicos; a xente marcha porque non ten os mesmos recursos dependendo de en que zona vivan”.

Nesta liña, Antón Sánchez esixiulle a Feijóo que “dea marcha atrás” na súa decisión de pechar o paridoiro de Verín e de “desmantelar a sanidade pública”. “Estamos ante unha razón máis para que no ano 2020 este Goberno deixe de estar á fronte dos cidadáns galegos, que merecen un Goberno que pense no interese xeral e non no negocio duns poucos”, engadiu. Ánxeles Cuña apelou á necesidade de que a decisión do peche do paridoiro “pase factura” ao presidente do CHUO, ao conselleiro de Sanidade e ao propio presidente da Xunta.