A deputada do Grupo Común da Esquerda aludiu a “un exemplo claro de burda manipulación”

Santiago, 30 de xaneiro de 2020-. Esta mañá, na Comisión de Control da CRTVG, Ánxeles Cuña denunciou o agravio comparativo na cobertura que a televisión pública fixo das negociacións para a conformación do novo Goberno de coalición progresista no Estado e a toma de posesión do mesmo, fronte á que se fixo no seu momento cando quen accedía ao Executivo fora o Partido Popular. Cuña centrouse, especialmente, na cobertura do nomeamento da ministra de Traballo, a galega Yolanda Díaz, polo “cambio radical de criterio informativo” fronte ao que se seguiu cando outra galega, Ana Pastor, foi nomeada ministra de Fomento.

A deputada do Grupo Común da Esquerda tirou da hemeroteca da TVG para lembrar que cando Ana Pastor tomou posesión como ministra de Fomento, os titulares da canle pública facían referencia aos retos que ía asumir para Galicia ou á importancia do seu nomeamento para o país, enfatizando a orixe galega da ministra popular. “Todo información en positivo, con cero críticas”, salientou Cuña. “Despois deron paso a un directo desde Madrid, destacando de novo o papel de Pastor, e despois a un vídeo de un minuto e medio con declaracións súas e salientando a presenza da Xunta no acto, con declaracións tamén de Alfonso Rueda e Agustín Hernández”, relatou a deputada.

O contraste sería a cobertura informativa da toma de posesión de Yolanda Díaz, na que “foi citada como unha ministra máis no medio dos demais, sen ningunha referencia á súa traxectoria, ao seu perfil profesional nin á súa orixe galega”, segundo explicou Ánxeles Cuña. “Nin louvanzas de Rueda, nin referencias aos retos que enfronta para Galicia, só algunhas críticas ao seu nomeamento que se sumaron a outras que se fixeran anteriormente dando voz a empresarios que tiñan medo das medidas que puidese aplicar”, agregou. “Isto é un exemplo claro de burda manipulación e de como muda o criterio informativo dependendo da orixe política de cada unha delas. Unha vez máis, a TVG emitiu informacións cinguidas polo nesgo manipulador”, denunciou.

A deputada do Grupo Común da Esquerda preguntou a Sánchez Izquierdo por que se restou importancia ao nomeamento da nova ministra de Traballo: “cre que non é unha cuestión de interese xeral? Non cre que unha sociedade mal informada produce febleza democrática?”. O director xeral da CRTVG obviou dar resposta a estas preguntas, a pesar de que Cuña insistiu en lembrarlle que os medios de comunicación non son “meros intermediarios entre os feitos e as audiencias”, senón “axentes políticos con intereses particulares e capacidade para influír na opinión pública”. “É relevante a nivel de debate público, nun momento electoral, que concedan este trato discriminatorio en función da cor política. Os valores democráticos fundamentais de obxectividade, pluralismo e imparcialidade están con frecuencia ausentes da CRTVG”, finalizou.

Escoita o audio aquí