O voceiro do Grupo Común da Esquerda reclama que se execute antes das eleccións a sentenza do TSXG que condena a Xunta por vulneración de dereitos fundamentais ao negarse a facilitar esta información

“Se non teñen nada que esconder, por que non se fai público?  Van entregar estes documentos ou van seguir ocultando información ata que pasen as eleccións?”, preguntouse.

AUDIO

VÍDEO

Santiago, 25 de xuño de 2020-. O  voceiro do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, esixiu este xoves que a Xunta entregue a documentación sobre a fusión das caixas inmediatamente “se non ten nada que ocultar”, e que isto sexa antes das eleccións do 12 de xullo “para que a cidadanía vote sabendo toda a verdade”. Sánchez reclamou deste xeito que o goberno de Feijóo cumpra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que condena o Executivo galego por vulneración dos dereitos fundamentais tras negarlle o acceso á información que viña solicitando desde o ano 2013 sobre a fusión das antigas caixas de aforro galegas.

“Pasaron 48 horas desde a sentenza e a Xunta e Feijóo aínda non contestou se me vai entregar esa documentación para que toda a cidadanía coñeza as razóns que levaron a esta estafa. Vaino entregar ou vai continuar obstruíndo o coñecemento da verdade ata que pasen as eleccións?”, sinalou Sánchez, que se comprometeu a facer pública a información “en 5 minutos” cando lle sexa entregada. 

A sentenza sinala que o Goberno de Feijóo obstruíu o labor de Antón Sánchez como parlamentario, negándolle información que tiña dereito a coñecer. O escrito do TSXG condena a Xunta a entregarlle o informe de proposta de fusión das caixas de aforros da conselleira de Facenda naquela altura, Marta Fernández Currás, así como a acta da reunión de secretarios xerais previa ao Consello da Xunta no que se autorizou a fusión. “Trátase de dous documentos fundamentais sobre este proceso que se esconderon”, indicou.

“O que xa sabemos é que se tratou dun proceso moi turbio e a quen beneficiou, algo que fomos coñecendo con moito esforzo”, engadiu. Así, considerou que a auditoría realizada pola consultora KPMG “nin era digna de tal nome, nin avalaba a fusión. A Xunta tratou de paralizar o proceso xudicial dando parte da información, pero non a que se demandaba. Sabemos que toda a versión oficial é mentira”.

Desta maneira, Sánchez concluíu que “o PP e Feijóo son un cabalo de troia que lle abre as portas ao capital para que veña roubar o público. Quen lle entregou Inespal a Alcoa tras ser saneada? O PP de Aznar. Quen privatizou Endesa ou a AP9? O PP. No caso das caixas, o aforro dos galegos foi privatizado sen un documento que avalase tal operación, que foi un auténtico desastre para o interese xeral”. Polo tanto, remarcou que “o próximo día 12 temos que conseguir que Feijóo non poida facer máis de cabalo de Troia”.