O voceiro sinalou que o PP vota en contra da comparecencia do presidente na Deputación Permanente do Parlamento porque non lle parecen importantes a corrupción e a mentira.

O voceiro do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, criticou este venres que Feijóo non compareza na Deputación Permanente do Parlamento, como reclamou toda a oposición, para render contas sobre os seus vínculos coa corrupción e as súas mentiras. Desta maneira, sinalou que o PP vota en contra das comparecencias solicitadas porque “non lle parecen importantes a corrupción e a mentira”.

Con respecto á petición de explicacións de Feijóo pola súa relación cos ex directivos de Pemex investigados por corrupción en México, Sánchez indicou que “a alianza estratéxica para o futuro do naval galego anunciada por Feijóo era a alianza cun entramado corrupto en México a través dun acordo co partido máis corrupto de Europa, o PP”. Así, engadiu que “para iso, as experiencias de Feijóo nos anos 90 coa súa relación continuada e as súas viaxes co narco Marcial Dorado servíronlle para chegar a México e moverse con grande facilidade con este tipo de persoas”.

O voceiro afeou ademais que se interrompeu “a emisión da TVG para asinar en directo este acordo mentireiro. Cando se detivo a Lozoya, non dedicaron nin un minuto. A utilización que se fixo da TVG tamén é corrupción. É un anuncio mentireiro polo fiasco que supuxo anunciar 20 buques e unha base loxística no Porto Exterior da Coruña que rematou en dous floteis que deixaron un buraco millonaria e Barreras quedou en quebra técnica”. Sánchez lembrou que todo isto produciuse “con García Costas, un home de confianza do PP e de Feijóo.  El di que non ten que dar explicacións, pero alguén pensa que cando se fan tratos cun entramado corrupto a outra parte non se mancha? Reuniuse en 5 ocasións con Lozoya e oficializou a compra de Barreras. Feijóo minte á cidadanía cando di que non fixo tratos con esta xente e ten que explicalo no Parlamento”.

Sánchez tamén considerou “corrupción” o acontecido en Venezuela, en relación á petición de comparecencia do secretario xeral de Emigración polas irregularidades detectadas polo Tribunal de Contas. “O modus operandi do PP durante anos e anos foi utilizar diñeiro público na emigración para comprar votos, recorrendo ao mercado negro para coneguir plusvalías e organizar actos electorais. É unha auténtica vergoña o proceder no que estaba metido Rodríguez Miranda, a quen xa coñecemos por levar ao desastre en Buenos Aires o centro Ospaña e o servizo sanitario para as e os emigrantes galegos”, destacou.

Por último, no relativo á petición de comparecencia do conselleiro de Sanidade tras a morte dun traballador en Punta Langosteira tras agardar máis de media hora por unha ambulancia, Antón Sánchez apuntou que Almuiña debe dar explicacións ante “a siituación deficitaria dos servizos de ambulancias”. Ademais, remarcou que “Feijóo incumpriu unha vez máis a súa palabra e mentiu en sede parlamentaria. Prometeu unha ambulancia medicalizada para a comarca do Deza e descubrimos hai pouco que non a había tras a morte doutra persoa. Puxeron un vehículo que non ten esa categoría asistencial e deixa de funcionar ás oito da tarde”. 

Xa na quenda de réplica e tras escoitar os argumentos do PP para non permitir estas comparecencias, o voceiro concluíu que “dicir que acusamos sen probas cando falamos da corrupción do PP é de risa. Este é o epílogo de Feijóo: a foto da corrupción coa xente que está perseguida pola xustiza mexicana”.