O voceiro do Grupo Común da Esquerda destaca que a palabra de moda na acción de goberno do presidente é recuar tras verse obrigado a reabrir o paridoiro de Verín.

O voceiro do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, destacou este mércores na sesión de control do Parlamento que “a palabra de moda da acción de goberno de Feijóo é recuar” despois de que se vira obrigado a reabrir o paridoiro de Verín e a rexeitar o proxecto da mina de Touro. “Nas mobilizacións pola sanidade pública bérrase moitas veces ‘con este goberno, imos de cu’. Cando vostede recúa, o resto avanzamos e a sanidade pública tamén. Alegrámonos das súas rectificacións e felicitamos á xente que se mobilizou para reivindicar outro futuro”, celebrou Sánchez.

Para poñer de manifesto o ridículo de Feijóo no caso de Verín, Antón Sánchez fixo un repaso do “esperpéntico perocorrido persoal” do presidente ata que chegou a rectificación. “Empezou achacando impericia ao persoal do centro e faltándolles ao respecto. Non se sostiña ese argumento e falou da falla de pediatras, como se vostede non tivese ningunha responsablidade na falla de profesionais médicos. Despois dixo que se podería dar a luz, pero baixo a reponsabilidade das nais. Tras nacer bebés alí e ver a mobilización da xente, incluída a do PP, recuou definitivamente. Pero tivo que dicir a última palabra co consentimento informado reforzado”. Ante este último paso, Sánchez reivindicou que o presidente “ten a obriga de darlle aos verineses e verinesas os mesmos dereitos que a toda a cidadanía galega. Reabra o paridoiro coas mesmas condicións que pode ter calquera persoa de Galicia e deixe o esperpento”.

A continuación, o voceiro sinalou que “desta situación proéronlle dúas cousas: que frustaran o seu plan de pechar o paridoiro e seguir recortando a sanidade pública e que, mentres facía o ridículo, o señor Baltar asubiaba e poñíase de perfil”. Ante isto, recomendou a Feijóo que “deixe o esperpento e rectifique”.

Por outra banda, Sánchez relatou que “Verín demostrou tres cousas das que a xente está farta: dos recortes na sanidade pública en beneficio da privada, do abandono e destrución do rural e da manipulación informativa que leva facendo dende que chegou ao goberno. Verín foi a pinga que colmou o vaso”. Así, incidiu en que “vostede traballa para a sanidade privada, destrúe o rural, como demostran todos os datos, e ten a peza central da súa acción de goberno na manipulación informativa. Indignou a cidadanía de Verín co tratamento informativo deste conflito. Vostede controla, manipula e non dubida en represaliar a quen non diga o que vostede quere nos medios públicos galegos. É un triste censor franquista en San Caetano”.

Ante isto, Antón Sánchez concluíu que “a xente xa está farta das súas políticas porque quere outro país e quere ter futuro, e as súas políticas son un perigo para ese futuro”.

Escoita o audio