O deputado lembroulle ao conselleiro de Economía e Industria que se a Xunta recuou foi precisamente “pola presión popular”

Santiago, 29 de xaneiro de 2020-. Esta tarde Antón Sánchez agradeceu no Pleno do Parlamento aos membros da Plataforma Mina Touro – O Pino Non, que seguían o debate desde a tribuna de convidados, “o seu traballo constante”. “Sen a súa loita non se tería logrado o que se vén de lograr, a negativa a aprobar a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto de reapertura da Mina de Touro, que coñeciamos onte. Sen esa loita cidadá, que se estendeu pouco a pouco por toda a Galicia que non quere un país destruído pola especulación, non sería posible este paso”, engadiu.

Antón Sánchez lembroulle ao conselleiro de Economía e Industria que se a Xunta recuou foi “grazas á presión popular” e preguntoulle por outras cuestións pendentes, como o contido da DIA e a resolución de Minas. Denunciou, así mesmo, que a veciñanza tivese que sufrir máis de 30 anos de contaminación tras o peche da explotación mineira e verteduras de augas acedas, como as da Balsa de Bama. Lembrou tamén que a Xunta foi “cómplice necesario” do incumprimento da Lei por parte da empresa que causou a contaminación en Touro e que este modelo mineiro “de privatización dos beneficios e socialización das perdas” é norma e non excepción nas políticas do Goberno galego.

Nesta liña, fixo referencia a outros territorios do país nos que a Xunta “permite o expolio, a especulación e a contaminación”: Santa Comba, Forcarei, Triacastela ou Monte Neme. Finalmente, instou o conselleiro a “ter humildade despois dos seus precedentes como Goberno en relación co medio ambiente”. “Incumpriron os prazos fixados na Lei de Avaliación Ambiental Estratéxica porque lle deron ata tres oportunidades a esta empresa a pesar dos informes desfavorables de organismos da propia Xunta. Estaremos moi alerta ante as súas prácticas, e estarao tamén, como o estivo durante todo este tempo, a veciñanza de Touro”, sentenciou Antón Sánchez.

Escoita o audio aquí